O próximo día 4 de maio organizamos, a través de Ocean Initiatives, unha limpeza na Praia da Fragata (Covas) a partir das 11:00 da mañá e coincidindo coa marea baixa.
O obxectivo desta xornada é concienciar do problema que existe respecto a os residuos que xeramos e cambiar condutas para que no futuro estas accións sexan innecesarias.
Reunirémonos no inicio do camiño de madeira da praia da Fragata ás 11:00 horas e baixaremos á praia organizados en grupos que portarán bolsas e luvas.
Para participar hai que completar unha folla de asistencia cos datos d@s participantes:
https://www.initiativesoceanes.org/es/collecte/12900
(Primeiro se inscribe a persoa adulta, e cando se recibe o correo de confirmación pódense engadir aos menores que participen. Ás veces a mensaxe entra na carpeta de Spam, revisádea por si acaso)
É necesario que cada participante complete toda a información solicitada para que goce da cobertura do seguro que procura a Surfrider Foundation Europe.
Durante a recollida é importante o emprego de luvas, non quitarse o calzado, non tocar residuos perigosos (cortantes ou punzantes), sospeitosos (bidóns, xiringas, produtos químicos)…, os nenos e nenas han de estar sempre acompañados dun adulto responsable e non se pode andar polas dunas nin recoller a madeira que hai nelas.
Agradecémosvos a todos e todas a vosa participación, posto que @s voluntari@s fan posible o programa Ocean Initiatives.
Esperámosvos!!!
- OCEAN INITIATIVES Programa dedicado á redución dos lixos mariños na súa orixe. Grazas á recollida local de residuos en beiras de ríos, lagos, mares e fondos mariños, o programa impulsa bos hábitos na cidadanía a través dunha campaña educativa. A información sobre os lixos mariños recollida nestas actividades permite avaliar o estado ambiental local así como fomentar traballos para impulsar unha lexislación europea adecuada. www.oceaninitiatives.org/es/ Os voluntarios e as voluntarias organizan actividades de recollida valéndose do apoio de Surfrider Foundation Europe.”
NOTA: Nun principio propuxemos a limpieza da praia de Esmelle, pero debido a presenza de especies catalogadas de interese para a conservación (en especial as píllaras das dunas) tivemos que reconsiderar as actuacións programadas para que non se moleste ás aves presentes na praia.