Onte foi a xuntanza para a recollida de residuos na praia da Fragata de Covas.
Organizámola coa axuda da plataforma Surfrider Foundation Europe que nos facilitou os materiais necesarios (luvas, bolsas, etc) e en coaboración coa Anpa do CRA de Narón.
O certo é que o tempo foi estupendo, ideal para pasar a mañá na praia. En total, estivemos unhas 80 persoas, pode que máis.
Acordamos xuntarnos na entrada da pasarela que baixa ao areal, e alí repasamos as medidas de seguridade e repartimos o material. Temos que dar as grazas a Jesús Busto, que atendeu a nosa petición de vir a axudarnos, dada a súa ampla experiencia de máis de vinte anos na limpeza e protección das praias do noso entorno. Explicounos a todos e todas que grazas a accións coma a nosa, non só contribuimos a mellorar o espazo a limpar, senón tamén a concienciarnos do impacto que ten na natureza o noso consumismo. “Os oceános son como as autopistas da Terra, transportan a toda velocidade calqueira cousa” – explicáballes aos máis pequenos e pequenas que escoitaban con atención -“Un plástico botado ao mar de calqueira lugar do mundo pode acabar na nosa praia grazas as correntes oceánicas, rematar depositado no fondo mariño, ou mesmo na tripa dun peixe…”
Unha vez na praia, repartímonos polo areal. Os nenos e nenas emocionadísimos, recollendo todo tipo de residuo coma se fose un tesouro: cordas, redes, botellas de plástico, unha chancla, unha boia, unha matrícula, unha pelota, …moita basura recollida en pouco tempo.
Ao final, xuntamos todo para separalo e levalo aos contenedores. A experiencia foi xenial en todos os sentidos, e sentimos que podemos ser parte da solución con pequenas accións coma esta. Grazas as familias por vir. Pensamos repetir!!
“Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña”